Política Galega Vol II

Resumo rápido do segundo capítulo:

– Pois eu nestas voulle volver votar ao PP
– Outra vez ao cacique?
– Xa sabes o que din, mellor cacique que bolchevique. Además, que vin na tele que Podemos está a coller forza, e si gañan isto acaba como en Venezuela. Inda me van expropiar a horta e os cochos.
– E lo, dende cando tes cochos?
– Ais, dende o ERE que fomos todos á rúa. Agora si non é pola horta é os cochinos que imos sacando pra comer, mal nos iría.
– Bueno, pero ti tiñas 25 anos na empresa, debías ter unha boa indemnización e un bo paro.
– Xa, pero non nos deron nada, polo carallo que firmamos do ERE. Había un sindicalista destos alí que dicía que non firmáramos, pero claro, logo non firmas, faste ver e non te contratan en ningún lado.
– Home, pero do ere fai tres anos e sigues sin choio.
– Xa, é que pasados os 45 a cousa está case imposible.
– E a hipoteca da casa? Tedes que pagar todo co soldo da túa señora?
– Bueno, a miña muller tamén está sen traballo, que agora o taller pra o que cosía deslocalizou a producción en Marrocos.
– Entón tirades os dous co paro dela?
– Paro tampouco ten, que era autónoma.
– Mimadriña, pero entón debedes estar ao borde de que o banco vos quede coa casa…
– Non, tranquilo. O meu sogro ten unha boa xubilación, do mar, e con iso imos pagando a hipoteca.
– Pois inda menos mal, que a Manolo o de Florinda o outro día botárono do piso.
– Bueno, Manolo porque quixo vivir de rico e se meteu en gastos que non podía asumir, e así lle foi. Nas hipotecas hai que meterse con cabeciña, que logo inda lle botarán a culpa ao banco.
– Cousa mala. Pero bueno, dixeron no parte que o paro baixaba así que cunha pouca sorte en nada volvo estar choiando. E así igual tamén pode voltar o neno.
– Estaba en Santiago de biólogo, non?
– Non, que va, xa fará dous anos que lle quitaron a beca de investigación. Que é cousa mala, pero é normal, a ver que carallo vai estar o goberno metendo cartos en investigar non sei que cona do cáncer de non sei cantos coa que está a caer. Estivo un par de meses máis por alí choiando sen currar, para sacar o doutorado, pero logo marchou a Londres e está a choiar alí.
– Do seu?
– Non, agora anda a dar clases nunha academia e di que está contento. O primeiro ano e medio estivo de camareiro nun restaurante e estaba un pouco queimado, que dicía que traballaban doce horas e que os alugueres eran moi caros e casi non aforraba. Pero bueno, agora está ben. Eu xa lle digo «Tranquilo Xanciño, que Rajoy xa amañará o que joderon os socialistas e dentro de nada xa estás de volta cun traballo de xefe». El non me cre, pero bueno, porque saio rojo coma súa nai, e na Universidade xa lle comeron a cabeza os do Bloque, que ata agora escribe con «nh», xa non saben que inventar.
– Bueno, nestes días se ten choio inda bo é, inda que esteña fora. Tómaslle outra?
– Na, marcho que teño que marchar, que lle teño que dar a relevo á muller para mirar de miña nai, que xa sabes que leva un tempo encamada polo Alzheimer.
– Lo non tendes quen vos vote unha man? Non vos deron o da dependencia?
– Uis, sobre o papel déronolo, pero como o concello está sen un can quedamos igual.
– Buff, cousa mala. Marcha lo, xa pago eu esta volta.
– Graciñas meu. E recorda o que che dicía, nestes temos que ir votar ao PP si o si, que inda gaña a chusma esa de Podemos e acabamos en Venezuela. Ou inda peor, imaxina que gañan os do Bloque ou os novos esos de Beiras… igual nos montan unha ETA e queren irse de España coma os vascos ou os cataláns. Non, non, se alguén pode dirixir o país é o PP, claro que si, home. Si gaña esta roxerada xa verás, vannos expropiar os terreos e acabamos coma no 36, que xa o dicía meu pai. Además, nunca tan ben se viviu como agora.

Recuperando o concepto de minifundismo mental endémico do profesor Barreiro.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.